Manifesto Cypherpunk

Un texto histórico sobre criptografía e privacidade

Manifesto Cypherpunk

O 9 de Marzo de 1993, o matemático e programador estadounidense Eric Hughes publicou o seu Manifesto Cypherpunk. Eran os inicios da expansión da internet, e alguns expertos preocupados pola liberdade e a privacidade das persoas decatáronse de que aquel invento maravilloso, deseñado para o traballo en quipo en universidades e entre administracións, non fora pensado para o que estaba a punto de acontecer: que a humanidade enteira canalizase através del a sua vida persoal e profesional. Os Cypherpunks, por iso, tomaron por bandeira a posibilidade e a necesidade de que a criptografía (que até 1996 nos USA era ilegal publicar e exportar sen permiso) fose amplamente distribuída e utilizada polos internautas. Este texto deu comezo a ese movemento, grazas ao cual hoxe é posíbel operar de forma segura nunha rede que conecta a miles de millóns de descoñecidos.

A privacidade é esencial para unha sociedade aberta na era dixital. A privacidade non é segredo. Un asunto privado é algo que non se desexa que o mundo enteiro saiba, mentres que un asunto secreto é algo que non se desexa que ninguén saiba. A privacidade é o poder de se revelar de forma selectiva ao mundo.

Se dúas partes teñen algún tipo de relación comercial, cada unha garda unha memoria dese intercambio. Cada parte pode falar sobre a súa propia lembranza; como podería alguén impedir iso? Poderiamos crear leis en contra, pero a liberdade de expresión, aínda máis cá privacidade, é fundamental para unha sociedade aberta; buscamos non restrinxir ningunha forma de expresión. Se moitas persoas falan xuntas no mesmo foro, cada unha pode dirixirse a todas as outras e engadir coñecemento sobre os individuos e outras partes. O poder das comunicacións electrónicas posibilitou esta comunicación colectiva, e non desaparecerá simplemente porque desexemos que desapareza.

Como desexamos privacidade, debemos garantizar que cada parte involucrada nunha transacción ten coñecemento só do que é estritamente necesario para a súa realización. Como calquera información pode ser divulgada, debemos garantir que revelamos o mínimo posible. Na maioría dos casos, a identidade persoal non é relevante. Cando compro unha revista nunha tenda e lle entrego o diñeiro ao empregado da caixa, el non ten que saber quen son. Cando lle pido ao meu proveedor de correo electrónico que envíe e reciba mensaxes, el non necesita saber con quen estou a falar, o que estou a dicir ou o que os outros me están a dicir; só necesita saber como enviar a mensaxe e canto lle debo pagar. Cando a miña identidade é revelada polo mecanismo subxacente da transacción, perdo a privacidade. Non podo revelarme de forma selectiva; debo revelarme sempre.

Por conseguinte, a privacidade nunha sociedade aberta exixe sistemas de transacción anónimos. Ata agora, o diñeiro en efectivo foi o principal sistema deste tipo. Un sistema de transacción anónimo non é un sistema de transacción secreto. Un sistema anónimo permite aos individuos revelar a súa identidade cando desexen e só cando desexen; esa é a esencia da privacidade.

A privacidade nunha sociedade aberta tamén esixe criptografía. Se digo algo, quero que sexa escoitado só por aqueles aos que me refiro. Se o contido do meu discurso está dispoñible para todo o mundo, non teño privacidade. Encriptar é indicar o desexo de privacidade, e encriptar con encriptación débil indica un desexo de privacidade non tan grande. Ademais, revelar a propia identidade de forma segura, cando o estándar é a anonimidade, esixe unha asinatura criptográfica.

Non podemos esperar que os gobernos, as empresas ou outras grandes organizacións impersoais nos concedan privacidade por mera benevolencia. É do seu interese falar de nós, e debemos esperar que fagan. Tentar impedir que falen é loitar contra a realidade da información. A información non quere só ser libre, anhela a liberdade. A información expándese para encher o espazo de almacenamento dispoñible. A información é a curmá nova e forte do rumor; a información é máis áxil, ten máis ollos, sabe máis e comprende menos ca o rumor.

Debemos defender a nosa propia privacidade se a queremos ter. Necesitamos unirnos e crear sistemas que permitan transaccións anónimas. Hai séculos que as persoas defenden a súa privacidade con sussurros, escuridade, sobres, portas pechadas, apertos de man secretos e mensaxeiros. As tecnoloxías do pasado non permitían unha privacidade robusta, pero as tecnoloxías electrónicas permítena.

Nós, os Cypherpunks, dedícanos á construción de sistemas anónimos. Defendemos a nosa privacidade con criptografía, sistemas de reencamiñamento de correos electrónicos anónimos, asinaturas dixitais e diñeiro electrónico.

Os cypherpunks escriben código. Sabemos que alguén necesita escribir software para defender a privacidade e, como non podemos ter privacidade a menos que todos o fagan, nós escribiremos. Publicamos o noso código para que os nosos colegas cypherpunks o poidan practicar e utilizar. O noso código é gratuíto para todos, en todo o mundo. Non nos importan moito se proiben o software que escribimos. Sabemos que o software non pode ser destruído e que un sistema amplamente disperso non pode ser apagado.

Os cypherpunks deploran as regulacións sobre a criptografía, xa que a criptografía é fundamentalmente un acto privado. O acto de encriptar, en realidade, remove a información do dominio público. Mesmo as leis contra a criptografía só afectan as fronteiras dunha nación e o alcance da súa violencia. A criptografía estenderase inevitablemente por todo o globo, e con ela os sistemas de transaccións anónimas que posibilita.

Para que a privacidade sexa amplamente difundida, é necesario que forme parte dun contrato social. As persoas necesitan unirse e implementar estes sistemas para o ben común. A privacidade só se estende até onde hai cooperación entre os membros da sociedade. Nós, os Cypherpunks, estamos a pesquisar as vosas cuestións e preocupacións e esperamos poder dialogar convosco para non decepcionar o noso propósito. Con todo, non nos desviaremos do noso camiño só porque algúns discorden dos nosos obxectivos.

Os Cypherpunks están activamente comprometidos en facer as redes máis seguras para a privacidade. Vamos seguir xuntos, a un ritmo acelerado.

Avante.

Eric Hughes, 9 de marzo de 1993